En Kayak Vigo levamos só uns poucos días de corentena debido ao estado de alarma declarado polo COVID-19, con todo todos os membros do club botamos en falta as nosas aventuras nas frías augas do atlántico.
Aínda que só pasou unha semana escasa sen ir adestrar, todos lembramos con agarimo as últimas saídas ao mar deste inverno. Eses días nos que a choiva e o vento fixeron que só se atrevesen a saír uns poucos a surfear e cabalgar as ondas. Ou esoutros días nos que o inverno foi clemente e formouse un bo grupo de padexeiros dispostos a facer un roteiro longo e a gozar do mar. Todos eses días póñennos un sorriso na cara e fan máis levadío o peche.
Con todo, aínda que encerrados, non estamos de lecer e desde logo non estamos separados. As mensaxes entre compañeiros flúen máis que nunca nas redes sociais e a sa competitividade por conseguir aguantar máis tempo que o resto facendo o ferro abdominal manterán ao grupo en forma mentres dure a corentena. 🙂
Desde o Club Kayak Vigo mandámosvos un saúdo e unha mensaxe de ánimo e optimismo, e desexamos que todo isto pase pronto e todos volvamos gozar do aire libre en pouco tempo.